Saltar ao contido principal

Publicacións

A biblioteca abre as súas portas

  O vindeiro 5 de outubro abrimos oficialmente as portas da biblioteca do CEIP Plurilingüe O Grupo para dar comezo a un novo curso cheo de lecturas, descubrimentos e aventuras. Este ano, da man do noso proxecto “As marabillas do mundo” , queremos que a biblioteca siga sendo un espazo para imaxinar, aprender, compartir e viaxar a través dos libros.
Publicacións recentes

Axúdanos a poñerlle nome ao noso proxecto!

Este curso iniciaremos unha nova aventura arredor de «As marabillas do mundo» e queremos que toda a comunidade educativa participe desde o primeiro momento. O alumnado levará para a casa unha ficha na que poderá escribir, coa axuda da súa familia, unha proposta de título curto, orixinal e creativo para o noso proxecto de centro. Animámosvos a pensar en familia, deixar voar a imaxinación e axudarnos a atopar un nome que represente esta gran viaxe que estamos a piques de comezar. Entre todas e todos poñerémoslle nome á nosa aventura! Moitas grazas pola vosa participación e colaboración.

PADRIÑOS LECTORES NO PATIO

Aproveitando o bo tempo, os padriños e madriñas lectores compartiron unha agradable xornada de lectura cos seus afillados no patio do centro. Durante a actividade, os maiores leron diferentes contos aos máis pequenos, creando momentos cheos de imaxinación, aprendizaxe e convivencia. Esta experiencia permitiu fortalecer os vínculos entre o alumnado de distintos cursos e fomentar o gusto pola lectura dun xeito lúdico e próximo. Os nenos e nenas gozaron moito desta sesión ao aire libre, escoitando historias, compartindo risas e descubrindo novos contos xuntos.

Obra "A pequena osa quere xogar"

O alumnado do primeiro ciclo asistiu á representación teatral da obra A pequena osa quere xogar, unha actividade organizada pola Biblioteca Escolar e financiada por Anaya. A obra transmite valores como a igualdade, a amizade e a liberdade para escoller aquilo que nos gusta, a través dunha historia divertida e chea de emocións que captou a atención dos nenos e nenas desde o primeiro momento. Foi unha experiencia moi enriquecedora na que o alumnado puido gozar do teatro como ferramenta educativa e de animación á lectura.

TALLER LUZ NEGRA

Dende a biblioteca organizouse para o alumnado de Infantil e do Primeiro Ciclo un divertido taller de luz negra.  Entre lecturas, debuxos e xogos na escuridade, os nenos e nenas descubriron un mundo cheo de cores e sorpresas fluorescentes. Leron, debuxaron e alucinaron a partes iguais nunha experiencia diferente, creativa e moi especial, na que a imaxinación brillou con luz propia.

Visita de Anxo Fariña ao alumnado de 5º de Primaria

O alumnado de 5º de Primaria recibiu con moita ilusión a visita do escritor e ilustrador Anxo Fariña, quen compartiu con eles unha experiencia inesquecible arredor do seu libro A Escola Robot. Durante o encontro, Anxo Fariña explicou dende o inicio como nace unha historia, como desenvolve as súas ideas e de que maneira crea as ilustracións, amosando ao alumnado todo o proceso creativo dun autor. Os nenos e nenas tiveron tamén a oportunidade de compartir as súas sensacións e impresións sobre a lectura do libro, participando activamente na conversa e demostrando o seu entusiasmo pola obra. Ademais, ensináronlle con orgullo os debuxos e ilustracións que eles mesmos realizaron inspirados na lectura, creando un intercambio moi enriquecedor e especial. Para rematar esta visita tan especial, unha voluntaria saíu como modelo e Anxo Fariña realizou un debuxo dela co mesmo estilo artístico empregado no libro, sorprendendo a todos os presentes co seu talento e facendo deste momento un recordo úni...

LEGO-PORTADAS

O equipo de voluntariado, en colaboración co Club de Lectura, recreou as portadas de dous libros lidos tanto no club como nas aulas, utilizando pezas de LEGO. Esta actividade puxo de manifesto a súa gran creatividade e dedicación á hora de plasmar con detalle a esencia das portadas orixinais, transformándoas en sorprendentes composicións cheas de cor e imaxinación. Unha iniciativa moi especial que combina lectura, arte e traballo en equipo, facendo da experiencia lectora unha proposta aínda máis enriquecedora e divertida para toda a comunidade educativa.