Saltar ao contido principal

Publicacións

PICNIC LITERARIO NA BIBLIOTECA

Dende o martes 20 ata o luns 26 de xaneiro, o alumnado de Educación Infantil está a levar a cabo unha actividade moi especial na biblioteca do centro: un picnic literario. Durante estes días, os nenos e nenas están a achegarse á poesía a través do libro Macedonia de versos, gozando da lectura nun ambiente relaxado e diferente. A actividade complétase cun picnic de comida saudable, combinando así o pracer de ler co fomento de hábitos de alimentación equilibrados. Con esta proposta, a biblioteca convértese nun espazo de encontro, lectura e convivencia, no que o alumnado está a desfrutar dos libros dun xeito lúdico e motivador.

Chegou a Maleta Viaxeira!

Xa chegou ao noso centro a Maleta Viaxeira, unha iniciativa do Programa de Bibliotecas Escolares de Galicia que nos achega unha coidada selección de libros para gozar da lectura. Nestes días, toda a colección está exposta na entrada do colexio, para que o alumnado e as familias poidan vela, coñecer os títulos e deixarse levar pola curiosidade lectora. Con esta proposta seguimos fomentando o gusto pola lectura e o contacto cos libros, convertendo a biblioteca e o centro en espazos vivos de aprendizaxe e descubrimento. Animámosvos a achegarvos a coñecela!

Calendario de Advento Lector na Biblioteca

Este mes de decembro, dende a biblioteca do centro puxemos en marcha unha proposta moi especial para celebrar a chegada do Nadal: o noso Calendario de Advento Lector. Ao longo de todo o mes, cada día abriremos un paquete sorpresa no que se agocha un libro diferente. Trátase dunha selección de lecturas pensadas para espertar a curiosidade, alimentar a imaxinación e animar ao noso alumnado a descubrir novas historias. Con esta actividade buscamos fomentar o gusto pola lectura e crear momentos de ilusión arredor dos libros, convertendo cada xornada nun pequeno agasallo literario. Agardamos que todos e todas desfrutedes destas lecturas e que atopedes historias marabillosas para acompañar o Nadal.

O alumnado de 5º e 6º leva a lectura de Rosa Caramelo a Infantil

O alumnado de 5º e 6º de Primaria visitou esta semana as aulas de Infantil para compartir unha sesión moi especial de lectura. Escolleron o libro Rosa Caramelo, unha obra que invita a reflexionar sobre a igualdade, o respecto e a liberdade para ser un mesmo. As nenas e nenos maiores prepararon a lectura con moito agarimo e interpretaron a historia para que os máis pequenos puidesen seguila con atención e desfrutar dela. Foi unha xornada chea de emoción, participación e enriquecemento mutuo entre etapas. Unha experiencia que, sen dúbida, repetiremos!

XORNADA DE FORMACIÓN

Este sábado, a nosa coordinadora da biblioteca escolar participou nunha xornada de formación dedicada á mellora e innovación das bibliotecas dos centros educativos. Foi unha oportunidade para coñecer novas ferramentas, recursos e estratexias que permitirán seguir enriquecendo o noso espazo de lectura e aprendizaxe. Dende o colexio seguimos apostando por unha biblioteca viva, dinámica e aberta a toda a comunidade educativa. Grazas por seguir medrando connosco!

APERTURA BIBLIO

Este 5 de novembro volve a maxia dos libros: abrimos a biblioteca! Pasa, escolle e goza da lectura!

CLUB DE LECTURA

Este 4 de novembro iniciamos o club de lectura do alumnado: un espazo para ler, comentar e pasalo ben en equipo!