Saltar ao contido principal

Publicacións

A biblioteca abre as súas portas

  O vindeiro 5 de outubro abrimos oficialmente as portas da biblioteca do CEIP Plurilingüe O Grupo para dar comezo a un novo curso cheo de lecturas, descubrimentos e aventuras. Este ano, da man do noso proxecto “As marabillas do mundo” , queremos que a biblioteca siga sendo un espazo para imaxinar, aprender, compartir e viaxar a través dos libros.

Axúdanos a poñerlle nome ao noso proxecto!

Este curso iniciaremos unha nova aventura arredor de «As marabillas do mundo» e queremos que toda a comunidade educativa participe desde o primeiro momento. O alumnado levará para a casa unha ficha na que poderá escribir, coa axuda da súa familia, unha proposta de título curto, orixinal e creativo para o noso proxecto de centro. Animámosvos a pensar en familia, deixar voar a imaxinación e axudarnos a atopar un nome que represente esta gran viaxe que estamos a piques de comezar. Entre todas e todos poñerémoslle nome á nosa aventura! Moitas grazas pola vosa participación e colaboración.

PADRIÑOS LECTORES NO PATIO

Aproveitando o bo tempo, os padriños e madriñas lectores compartiron unha agradable xornada de lectura cos seus afillados no patio do centro. Durante a actividade, os maiores leron diferentes contos aos máis pequenos, creando momentos cheos de imaxinación, aprendizaxe e convivencia. Esta experiencia permitiu fortalecer os vínculos entre o alumnado de distintos cursos e fomentar o gusto pola lectura dun xeito lúdico e próximo. Os nenos e nenas gozaron moito desta sesión ao aire libre, escoitando historias, compartindo risas e descubrindo novos contos xuntos.

Obra "A pequena osa quere xogar"

O alumnado do primeiro ciclo asistiu á representación teatral da obra A pequena osa quere xogar, unha actividade organizada pola Biblioteca Escolar e financiada por Anaya. A obra transmite valores como a igualdade, a amizade e a liberdade para escoller aquilo que nos gusta, a través dunha historia divertida e chea de emocións que captou a atención dos nenos e nenas desde o primeiro momento. Foi unha experiencia moi enriquecedora na que o alumnado puido gozar do teatro como ferramenta educativa e de animación á lectura.

TALLER LUZ NEGRA

Dende a biblioteca organizouse para o alumnado de Infantil e do Primeiro Ciclo un divertido taller de luz negra.  Entre lecturas, debuxos e xogos na escuridade, os nenos e nenas descubriron un mundo cheo de cores e sorpresas fluorescentes. Leron, debuxaron e alucinaron a partes iguais nunha experiencia diferente, creativa e moi especial, na que a imaxinación brillou con luz propia.

Visita de Anxo Fariña ao alumnado de 5º de Primaria

O alumnado de 5º de Primaria recibiu con moita ilusión a visita do escritor e ilustrador Anxo Fariña, quen compartiu con eles unha experiencia inesquecible arredor do seu libro A Escola Robot. Durante o encontro, Anxo Fariña explicou dende o inicio como nace unha historia, como desenvolve as súas ideas e de que maneira crea as ilustracións, amosando ao alumnado todo o proceso creativo dun autor. Os nenos e nenas tiveron tamén a oportunidade de compartir as súas sensacións e impresións sobre a lectura do libro, participando activamente na conversa e demostrando o seu entusiasmo pola obra. Ademais, ensináronlle con orgullo os debuxos e ilustracións que eles mesmos realizaron inspirados na lectura, creando un intercambio moi enriquecedor e especial. Para rematar esta visita tan especial, unha voluntaria saíu como modelo e Anxo Fariña realizou un debuxo dela co mesmo estilo artístico empregado no libro, sorprendendo a todos os presentes co seu talento e facendo deste momento un recordo úni...

LEGO-PORTADAS

O equipo de voluntariado, en colaboración co Club de Lectura, recreou as portadas de dous libros lidos tanto no club como nas aulas, utilizando pezas de LEGO. Esta actividade puxo de manifesto a súa gran creatividade e dedicación á hora de plasmar con detalle a esencia das portadas orixinais, transformándoas en sorprendentes composicións cheas de cor e imaxinación. Unha iniciativa moi especial que combina lectura, arte e traballo en equipo, facendo da experiencia lectora unha proposta aínda máis enriquecedora e divertida para toda a comunidade educativa.

DÍA DO LIBRO

Hoxe celebramos o Día do Libro dun xeito moi especial. Aínda que no noso centro traballamos a lectura e o amor polos libros cada día, esta xornada tivo un significado engadido. O noso mercadiño solidario cumpre 10 anos, unha década de compromiso, aprendizaxe e solidariedade compartida. Para celebralo, o alumnado saíu á rúa para visitar ás persoas voluntarias que, ano tras ano, fan posible esta iniciativa. Nun ambiente cheo de ilusión e compañeirismo, intercambiaron alimentos non perecedoiros por libros, demostrando que a lectura tamén pode ser unha ferramenta de axuda e transformación social. Seguimos crendo no poder dos libros para unir, ensinar e cambiar o mundo. Grazas a todas as persoas que forman parte deste camiño!

X MERCADO ESCOLAR SOLIDARIO

  O noso cole, xunto co CEIP Plurilingüe de Artes, organiza unha nova edición do Mercado Escolar Solidario , unha iniciativa que fomenta a solidariedade e o consumo responsable entre toda a comunidade educativa. Durante esta xornada, realizaremos un intercambio solidario no que poderás trocar alimentos non perecedoiros por libros. Unha oportunidade perfecta para colaborar cunha boa causa e, ao mesmo tempo, dar unha segunda vida aos libros. Animámoste a participar e a difundir esta actividade entre familias e amizades.

ENCONTRO COA AUTORA EVA MEJUTO

O alumnado de 4º curso tivo a oportunidade de participar nun encontro moi especial coa escritora Eva Mejuto , autora do libro Queco e Kika , obra que previamente leron e traballaron na aula. Durante a actividade, o alumnado puido coñecer de primeira man o proceso creativo da autora, así como facer preguntas, compartir impresións sobre a lectura e descubrir curiosidades sobre os personaxes e a historia. Foi un espazo enriquecedor no que a lectura cobrou vida, fomentando o gusto polos libros e o diálogo directo coa autora.

Elas tiran pola nosa escola

Dentro do proxecto do 8 de marzo , no noso centro quixemos render unha pequena pero significativa homenaxe ás mulleres que forman parte do noso día a día. Baixo o lema “Elas tiran pola nosa escola” , o alumnado realizou un fermoso traballo de agradecemento ás profes, recoñecendo o seu labor, esforzo e dedicación. A través da arte, os nenos e nenas debuxaron a cada unha delas, deixando ver non só o seu talento creativo, senón tamén o cariño e a admiración que senten. Foi unha actividade chea de emoción, na que saíu á luz o lado máis artístico do alumnado e na que se puxo en valor o papel fundamental das mulleres na educación e na nosa comunidade. Unha vez máis, demostramos que a escola é tamén un espazo para educar en igualdade, respecto e recoñecemento.

CONCURSO CARTEL MERCADO ESCOLAR SOLIDARIO

 

Visita de Paco Nogueiras a Educación Infantil

O alumnado de Educación Infantil recibiu a visita do músico e contacontos Paco Nogueiras, nunha sesión chea de música, contos e diversión. Durante a actividade, as nenas e nenos escoitaron historias, participaron nas cancións e riron e bailaron ao ritmo das propostas do artista. Foi un momento moi especial no que a música e a narración se mesturaron para crear unha experiencia chea de imaxinación e alegría.

23 de febreiro – Día de Rosalía de Castro

No noso centro celebramos o Día de Rosalía de Castro cunha actividade moi especial arredor do seu coñecido poema “Miña casiña, meu lar” e do tradicional Caldo de Gloria. Na entrada do colexio preparamos unha pequena exposición cos ingredientes necesarios para facer o caldo, recreando así a receita que aparece na obra de Rosalía: patacas, fabas, grelos… Unha maneira moi visual e significativa de achegar ao alumnado á súa literatura e ao contexto da época. A través desta proposta traballamos a nosa lingua, a nosa cultura e as nosas tradicións, convertendo a aprendizaxe nunha experiencia vivencial e próxima.

Volve a Maleta Viaxeira

A nosa biblioteca trae moi boas novas: volve a Maleta Viaxeira, cargada de novas historias, aventuras e lecturas para descubrir. Nesta ocasión, os libros están expostos na entrada do colexio, para que todo o alumnado e as familias poidan achegarse, coñecer os títulos e deixarse sorprender polas novas propostas lectoras. Unha nova oportunidade para seguir fomentando o gusto pola lectura e converter o centro nun espazo cheo de historias. Animádevos a botarlle unha ollada!

TALLER DE MÁSCARAS

Co gallo da chegada do Entroido, no noso centro estamos a levar a cabo un taller de máscaras durante os recreos, unha actividade creativa e divertida pensada para gozar destas datas tan especiais. Dende o centro convidamos a todo o alumnado a participar, a deixar voar a imaxinación e a elaborar as súas propias máscaras, compartindo momentos de convivencia e creatividade cos compañeiros e compañeiras. Unha maneira diferente e lúdica de vivir o Entroido no cole. Agardámosvos con moitas ganas e moita fantasía!

PICNIC LITERARIO NA BIBLIOTECA

Dende o martes 20 ata o luns 26 de xaneiro, o alumnado de Educación Infantil está a levar a cabo unha actividade moi especial na biblioteca do centro: un picnic literario. Durante estes días, os nenos e nenas están a achegarse á poesía a través do libro Macedonia de versos, gozando da lectura nun ambiente relaxado e diferente. A actividade complétase cun picnic de comida saudable, combinando así o pracer de ler co fomento de hábitos de alimentación equilibrados. Con esta proposta, a biblioteca convértese nun espazo de encontro, lectura e convivencia, no que o alumnado está a desfrutar dos libros dun xeito lúdico e motivador.

Chegou a Maleta Viaxeira!

Xa chegou ao noso centro a Maleta Viaxeira, unha iniciativa do Programa de Bibliotecas Escolares de Galicia que nos achega unha coidada selección de libros para gozar da lectura. Nestes días, toda a colección está exposta na entrada do colexio, para que o alumnado e as familias poidan vela, coñecer os títulos e deixarse levar pola curiosidade lectora. Con esta proposta seguimos fomentando o gusto pola lectura e o contacto cos libros, convertendo a biblioteca e o centro en espazos vivos de aprendizaxe e descubrimento. Animámosvos a achegarvos a coñecela!

Calendario de Advento Lector na Biblioteca

Este mes de decembro, dende a biblioteca do centro puxemos en marcha unha proposta moi especial para celebrar a chegada do Nadal: o noso Calendario de Advento Lector. Ao longo de todo o mes, cada día abriremos un paquete sorpresa no que se agocha un libro diferente. Trátase dunha selección de lecturas pensadas para espertar a curiosidade, alimentar a imaxinación e animar ao noso alumnado a descubrir novas historias. Con esta actividade buscamos fomentar o gusto pola lectura e crear momentos de ilusión arredor dos libros, convertendo cada xornada nun pequeno agasallo literario. Agardamos que todos e todas desfrutedes destas lecturas e que atopedes historias marabillosas para acompañar o Nadal.

O alumnado de 5º e 6º leva a lectura de Rosa Caramelo a Infantil

O alumnado de 5º e 6º de Primaria visitou esta semana as aulas de Infantil para compartir unha sesión moi especial de lectura. Escolleron o libro Rosa Caramelo, unha obra que invita a reflexionar sobre a igualdade, o respecto e a liberdade para ser un mesmo. As nenas e nenos maiores prepararon a lectura con moito agarimo e interpretaron a historia para que os máis pequenos puidesen seguila con atención e desfrutar dela. Foi unha xornada chea de emoción, participación e enriquecemento mutuo entre etapas. Unha experiencia que, sen dúbida, repetiremos!